Mámoas de Prado e petróglifos de Agua da Laxe. Crónica dunha aventura.


IEM - 7 de xullo de 2010.
Por Álvaro Peralta.
Fotografías: Xilberte Manso de la Torre. 
Sobre as once da noite e logo do remate do partido do mundial de fútbol, os participantes na primeira Xeira do verán 2010 preparáronse para unha noite de calor, mosquitos e moita aventura.
A travesía comezou  na propia “Aula de Cultura Ponte de Rosas”, sede do IEM. O guía da Xeira, o arqueólogo e subdirector do IEM, Xosé Lois Vilar, fixo una reseña sobre a arte rupestre en Galicia, conectando os vestixios arqueolóxicos do Val de Miñor cos atopados na costa atlántica galego-portuguesa, así como os puntos de conexión co paleolítico e o neolítico do resto de Europa.
Unha vez contextualizada a xeira chegou o momento da partida. Sobre a media noite, unha caravana de coches trepou pola PO-331 cara ao límite entre as parroquias de Gondomar e  Vincios. Viraron a dereita e xa en territorio da parroquia de Morgadáns, comezou o ascenso rumbo á Serra do Galiñeiro que divide o Val da Louriña do Val de Miñor, con alturas superiores aos 700m.
A primeira parada foi na Chan das Moutas, a máis de 400m sobre o nivel do mar. A paraxe é coñecida nos mapas como A Chan de Prado, pero o topónimo auténtico é A Chan das Moutas. Sobre iso falouse. En primeiro lugar, da relevancia da toponimia como valor patrimonial dunha colectividade así como da importante información que fornece aos investigadores da arqueoloxía, historia, etnografía, folclore e a cultura xeral. Eses nomes, ás veces, gardan explicacións que axudan, e moito, a entender o legado dos devanceiros. A Chan das Moutas da conta dun xacemento arqueolóxico en forma de cemiterio neolítico, unha necrópole de entre hai 4500 a 6000 anos que permite entender a vida neses tempos a partir do estudo das mámoas, unha arquitectura monumental feita para ser visible na paisaxe e durar miles de anos.
No Outeiro da Cruz de Morto, lindeiro ás necrópoles, atópanse muíños naviculares de sóporte fixo, que dan conta da existencia de hábitats humanos. Por outra  banda, e novamente grazas a toponimia, Xosé Luís Alonso (veciño de Morgadáns e membro do IEM), relatou unha historia de fuxidos e “chivatos” nos anos inmediatamente posteriores ao golpe de estado franquista e que da nome ao paraxe.
Non sen antes lamentar o total abandono no que se atopan as mámoas e demais restos arqueolóxicos, algúns xa destruídos ou en serio risco de chegar a estalo por mor do abandono e desamparo institucional, o grupo partiu cara ao último obxetivo: A Pedra das Procesións.
Sempre entre a natureza, a calor, os mosquitos e un ceo estrelado o grupo camiñou polo corredor da serra, a 440m de altura, sentindo a presenza dos “mouros”, que xa lles vixiaban dende as mámoas “invisibles”: pola noite, o mato, a destrución do home e o paso do tempo.   
A paisaxe que os agardaba tiña moitas sorpresas para os visitantes. Unha vista privilexiada das Rías Baixas permitía contemplar dende a Ría de Vigo, pasando por os montes do Alba, o Cepudo, os de Priegue e Saians, Monte Castelo, as vilas de Nigrán e Gondomar ata os lombos da Groba e as costas de Sabarís e Baiona.
Radicados nas últimas rochas, ao límite do precipicio, contemplaron o curro do Galiñeiro. Xilberte Manso (licenciado en Filosofía e Ciencias da Educación na especialidade de Psicoloxía, subdirector das Escolas Proval e membro do IEM), falou sobre a tradicións dos curros e as especiais características do “curro primitivo” que se realiza nos montes do Gallineiro. Destacou a reconstrucción que se fixo do curral de madeira, a imaxe dos primeiros e antigos lugares de reclusión dos animais salvaxes.
Seguidamente, Eduardo Méndez Quintas (estudante de arqueoloxía e membro do IEM), dirixiu a última expedicións cara os petróglifos. Logo de lembrar as dificultades coas que se atopan os investigadores á hora de datar e interpretar esta especial forma de arte prehistórica, invitou a descender novamente das rochas e camiñar ata o primeiro dos petróglifos, dun conxunto de catro pedras con gravados de armas. Sobre a primeira, Eduardo informou que estes motivos bélicos foron gravados en superficies inclinadas e non a rente o chan, como noutros casos. Seguramente o obxetivo era transmitir unha mensaxe de poder.
Finalmente e envolto na escuridade da noite, Xosé Lois Vilar agardaba de pé e descalzo sobre a A Pedra das Procesións, no lugar coñecido como Agua (e non Auga, toponimia obriga) da Laxe. De pé porque era a única forma de velo entre o monte, e descalzo porque así se debe camiñar sobre as rochas con petróglifos. Cun pao para sinalar os gravados, e unhas follas para varrer o lixo que sempre cubre as pedras, comezou a rematar a Xeira. O panel sobre a rocha ten 12m. por 5m. Hai unhas 32 representacións: alabardas, puñais, espadas e escutiformes. O grupo tivo a oportunidade de contemplar a maior e mellor superficie con armas do continente europeo.
Logo dunha ampla explicación que retomou os datos e interpretacións achegadas por Eduardo, Vilar remarcou o valor patrimonial deste tesouro arqueolóxico-cultural que se acocha nestes montes da Comunidade de Vincios, datable entre hai 4000 e 3500 anos.
Informouse ao grupo que o próximo domingo 11 de xullo terá lugar o curro neste lugar. As rochas non están protexidas do tránsito da xente ni das artes dos destrutores do medio ambiente. Ata non hai moito tempo unha marca das rodeiras das motos atravesaban A Pedra das Procesións.

O grupo ficou satisfeito pola aventura, a pesar da calor e dos mosquitos… tal vez coa esperanza de que a ninguén se lle ocorra grellar carne e chourizos sobre este invalorable patrimonio da humanidade.


Un día despois...

Os alumnos estranxeiros de lingua galega da Universidade de Vigo, fixeron a Xeira de Mámoas de Prado e petróglifos de Agua da Laxe


08.07.10 Visita alumnos de Galego para extranxeiros da Universidade de Vigo (Fot. Xilberte Manso)