Un carreiro de estrelas esvara entre os piñeiros… É a Santa Compaña? Preguntan. Dende lonxe pouco se pode dicir. Temos que achegarnos. Un balbordo de voces indica que a Santa non é. Ela camiña silenciosa. Non tés que botarte ao chan. Non temas.Quérete levar, pero non ao cemiterio, se non a un sitio no que o tempo e o espazo conxugan o que foi có que é.
Unha Xeira é unha viaxe. Un tránsito, un fluxo onde ti podes coñecer máis alá do que os sentidos che din. Por iso, cando decides deixar, por unhas horas, a tele e poñerte a “bater o zoco”, fas unha elección por unha experiencia estimulante; decides experimentar o que a maior parte das persoas de hoxe deixan a carón: ser protagonista dunha aventura propia que se fai en colectivo.
O mércores pasado, unha serpe subiu ao Monteferro baixo a luz da lúa e os focos das lanternas. Ao redor de cento cincuenta persoas fixeron unha Xeira pola península de Monteferro, deixando a praia de Patos, tirando pola rúa dos Merouxos, logo pola de Pontecelo, para rematar no monte de piñeiros que cubre a paraxe devandita.
Xosé Lois Vilar foi vestindo a noite coa maxia dos contacontos: lendas, historias, toponimia, talasonimia e humor, moito humor. Sobre ás dez horas a procesión chegou ao facho de Monteferro, onde as historias de afogados, afundimentos de barcos, e novelas policías, mestúranse coas testemuñas arqueolóxicas que dan conta da vida dos primeiros habitantes de Galicia: muíños naviculares, cazoletas e petróglifos.
Cada historia, cada relato, transcorre entre a terra e o mar, entre o hoxe e o pasado. Todo se mestura con xeito, porque a vida ten esa característica: somos o que fomos.
Nenos pequenos e dos grandes seguen con atención a descrición topográfica e toponímica que o guía fai. Cun feixe de láser márcase cada punto da xeografía visible. Coa toponimia introducímonos nas particularidades históricas e humanas que os antepasados deixaron arquivadas nos nomes legados. “A toponimia é o GPS dos antigos”, di Xosé Lois, e a talasonimia dos mariñeiros: unha sabedoría acumulada en milenios que hoxe pasa desapercibida pola nosa ignorancia máis que polas novas tecnoloxías.
Situando persoas en distintos puntos, o guía ilustra aos presentes as técnicas coas que os mariñeiros de toda a vida fixeron as “marcas” no mar. Describe detallada e graficamente como os montes, fachos, casas, e demais accidentes xeográficos e obras humanas fan de puntos de referencia cos que se tiran liñas imaxinarias que forman ángulos perfectos que sinalan naufraxios que deron lugar a bancos de pesca, ou espazos naturais onde segundo o solo submarino atópanse distintas variedades de peixes, mariscos, etc.
O relato nomea todas e cada unha das rochas visibles e invisibles do mar, cos diferentes nomes que os pescadores lles dan segundo a seu vila de orixe.
O mesmo sucede no caso da toponimia. Cada monte recibe de cada vila un nome diferente segundo o que a tradición deixou por motivo dos sucesos que marcaron a súas identidades en relación coa xeografía.
Para rematar, os petróglifos , textos de pedra aínda non descifrados na meirande parte dos casos, fan de Monteferro unha biblioteca pétrea a disposición dos visitantes. As “Penisas Pequenas” enchen os ollos de admiración: muíños naviculares, coviñas, cazoletas, podomorfos (pés descalzos gravados na rocha con técnicas neolíticas), poñen a voar a imaxinación.
Os mouros –como en Prado, Agua da Laxe, e tanto lugares máis- vixíannos. Déixannos achegarnos ao seu universo a través desas testemuñas feitas a forza de pedra contra pedra.
Esmorga de alegría, satisfeita e despeiteada polos ventos da nova aventura, a serpe baixa ás areas de Patos. Outra Xeira que nos fixo soñar –algo bo en tempos de crise- viaxar pola historia e polo espazo, coa lúa como compañeira e os mouros, os nosos míticos mouros, cal “virxilios” no labirintos do tempo.
Por Alvaro Peralta (IEM)
Fotografías: Xilberte Manso de la Torre.
21.07.10 Monteferro |