Cheira.
Cheira a monte, a fentos e piñeiros,
a silvas e toxos.
Cheiramos nós:
sendeiristas da Xeira á Serra do Galiñeiro
Cheira a monte, a fentos e piñeiros,
a silvas e toxos.
Cheiramos nós:
sendeiristas da Xeira á Serra do Galiñeiro
Son as seis da tarde e o noso guía Antonio Lago dá a voz de partida. Un grupo de nubes escuras presaxian choiva, pero non, el din que non vai chover. A Aula de Cultura Ponte de Rosas é a estación de saída dunha nova aventura: a Xeira da subida ao Galiñeiro.
Na entrada da sede do IEM atópanse mochilas, bastóns de sendeirismo –os mercados nas tendas de deportes e dos feitos con polas do monte- garrafas de auga, cámaras fotográficas, filmadoras e ata uns paraugas polas dúbidas. Do chan ás nosas costas, os vultos camiñan con nós. Achegámonos aos coches e poñémonos en ruta cara á Parroquia de Vincios, chegamos a Pasaxe, viramos cara a dereita , tomamos a pista de terra e outro grupo agárdanos: estamos na Campa da Fonte (370m.), repoñen auga os que non a trouxeron e o guía fálanos do primeiro tramo de ascenso: o máis duro é agora.
Trinta persoas comezan o ascenso. Pedras, rochas, fentos e toxos polo chan, risos, berros e moita alegría envolve a atmosfera dos camiñantes neste primeiro tramo duns trescentos metros. A metade da subida, un descansiño, xunto ao refuxio Miguel Regueira (515m.) do Club Montañeiros Celtas, da tempo para apreciar a paisaxe e agardar plos máis recuados na subida. O vento fai as primeiras rulas.
Dez minutos son suficientes e de novo en marchar. Unha pista de rochas e herbas ábrese á dereita, rente ás paredes da cima. Un grupo de escaladores saúdanos e deteñen a súa xeira para dar paso á nosa. O cumio do Galiñeiro está alí, xa trepamos máis de setecentos metros sobre o nivel do mar: Val de Miñor, Zamans, Vigo e o Val do Louro aos nosos pés, o esforzo é ben recompensado.
Descendemos cen metros e camiñamos os 630m., cara os restos dunha construción pétrea que algúns relacionan cunha antiga fortaleza. A falta de información e nula protección desa arquitectura impiden apreciar mellor o que pode ser unha reliquia arqueolóxica de gran valor.
Á nosa esquerda atopamos a Cova da Besta ou Igrexa da Becha. Unha furna que garda lendas de fermosas mozas e enormes serpes. Alí detemos novamente a marcha. Os camiñantes falan das bondades ecolóxicas da serra e do seu posible destino para parque eólico. Algúns achegan mapas que marcan as siluetas das serras da Groba e do Galiñeiro dentro deses proxectos.
Miramos ao ceo, ollamos o mato, as carqueixas, a paisaxe toda que nos amodea e imaxinamos xigantes de cento vinte e cinco metros coas súas aspas abourando a serra.
Viramos por detrás da cova e camiñamos cara a cima do vértice xeodésico do Galiñeiro. Unha marca no chan avísanos que estamos a 706m sobre o nivel do mar. A visión é máxica. Os penedos da serra forman un colar dourado do que nós sentimonoss un elo máis.
Son as nove no lusco-fuscoe comeza o descenso ata a pista inzada de piñeiros e fentos que nos deixa ao pé do parque.Por Alvaro Peralta.
Fotografías: Xilberte Manso de la Torre, Bruno Centelles, Stella Colaneri e Alvaro Peralta.
Xeira O Galiñeiro |
No hay comentarios:
Publicar un comentario
Deixa a túa opinión.